Saturday 04 de May de 2024

Feijóo asina cos sindicatos e a patronal dous novos programas para mozos e parados de longa duración


Salienta que o Programa de garantía xuvenil, que se desenvolverá ao longo de 2015 e 2016, estará dotado con preto de 50 millóns, que veñen complementar os 100 millóns que a Xunta consignou o ano pasado para o Plan de emprego xuvenil

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asinou hoxe cos sindicatos participantes no diálogo social e a patronal dous novos programas para mozos e parados de longa duración para que siga baixando o desemprego en Galicia. No acto interviñeron o secretario xeral de UXT Galicia, José Antonio Gómez, o secretario xeral de CC.OO. Galicia, Xosé Manuel Sánchez Aguión, e o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, José Manuel Fernández Alvariño.

No tocante á primeira iniciativa, Feijóo afirmou que está elaborada pensando nos mozos menores de 25 anos (ou menores de 30 se teñen unha discapacidade do 33% ou superior) que non estean estudando nin traballando. Con este plan, explicou, fomentarase que, por exemplo, unha moza de 23 anos que rematase os seus estudios hai menos de catro meses poida recibir unha oferta de traballo ou acceder a prácticas en empresas; poderase axudar economicamente a que un mozo de menos de 30 anos cunha discapacidade poida establecerse como traballador autónomo; ou apoiar a que unha rapaza de 19 anos que, tras quedar desempregada, queira adquirir experiencia laboral nunha entidade sen ánimo de lucro.

Así mesmo, ofreceranse oportunidades de formación para que poidan adquirir competencias clave que lles faciliten a súa inserción laboral.

O titular do Goberno galego precisou que este Programa de garantía xuvenil, que se desenvolverá ao longo de 2015 e 2016, estará dotado con preto de 50 millóns, que veñen a complementar os 100 millóns que a Xunta consignou o ano pasado para o Plan de emprego xuvenil.

Programa para o desemprego de longa duración
Durante a súa intervención, Feijóo subliñou que o desemprego de longa duración é unha das consecuencias máis graves da recesión económica. E, nesta liña, aseverou que o segundo plan dirixirase a aqueles que levan demasiado tempo sen atopar un traballo, “para demostrarlles que segue habendo oportunidades e para axudarlles a aproveitalas”.

Deste Programa extraordinario de activación para o emprego poderán beneficiarase 20.000 persoas, que disporán de ferramentas que lles axuden a mellorar a súa cualificación e a desenvolver habilidades necesarias para que poidan atopar un emprego.

Mentres desenvolven estas iniciativas formativas, estas persoas recibirán unha renda de acompañamento de 426 euros froito do acordo entre o Goberno de España e CC.OO. e UXT. “E xunto a estas medidas –engadiu o presidente do Goberno galego-, tamén lles axudaremos cando queiran emprender un negocio como autónomos e estableceremos incentivos ás empresas que os queiran contratar”.

Para contribuír a que estes plans acaden o éxito, Feijóo referiuse ao papel dos servizos públicos de emprego, destacando a necesidade de seguir contratando técnicos para proporcionar un apoio especializado aos colectivos que máis sofren as dificultades da recesión económica.

Catro eixes
O titular da Xunta abundou en que as medidas recollidas no acordo asinado esta mañá quedan estruturadas ao longo de catro eixes: a mellora da intermediación, a través da contratación de técnicos para un apoio especializado a estes dous colectivos; a mellora da empregabilidade; o apoio directo á contratación e o fomento do emprendemento.

Para mellorar a empregabilidade levaranse a cabo programas de formación e emprego en colaboración con entidades locais, prácticas laborais en empresas, un programa de adquisición de experiencia laboral en entidades sen ánimo de lucro, contratos de formación dual –fundamentalmente no caso de parados de longa duración-, e accións para a adquisición de competencias clave –tecnoloxías, certificados de profesionalidade.

Ademais de incentivos á contratación e á transformación de contratos temporais en indefinidos, no caso dos mozos incentivaranse, ademais, as prácticas en empresas e a contratación temporal mínima de seis meses en sectores emerxentes –I+D+i, empregos verdes ou atención ás persoas-. E o fomento do emprendemento desenvolverase a través de axudas directas á constitución de proxectos empresariais e cooperativas e tamén a través de apoio e asesoramento.

Máis de 100 millóns para loitar contra o desemprego, nos primeiros quince días de 2015
O responsable do Executivo autonómico aseverou que a creación de emprego seguirá a ser a principal preocupación do Goberno galego, ao que engadiu que con este acordo Galicia ponse á cabeza ao ser a primeira Comunidade que desenvolve un acordo sindical no marco do acordo confederal entre CC.OO., UXT e o Goberno central. “Somos a primeira Comunidade que desenvolve ese acordo estatal e ademais acreditamos un orzamento complementario a aquel que imos recibir da UE e do Goberno central. Estamos a falar, en definitiva, do primeiro acordo sindical no ámbito do novo escenario que se abriu hai un mes en Madrid entre o Goberno central e as organizacións sindicais máis representativas, cunha dotación conxunta de 60 millóns ”, dixo.

Así mesmo, lembrou a aprobación, no Consello da semana pasada, de programas de emprego e formación, cun orzamento de máis de 45 millóns, que beneficiará a máis de 100.000 persoas. “En resumo, na primeira quincena de xaneiro poñemos a disposición do que é principal problema de Galicia, o desemprego, máis de 100 millóns de euros”, aseverou.

Se ben aínda queda moito por facer, Feijóo fixo fincapé na importancia do traballo conxunto. O responsable autonómico insistiu en que ese esforzo de toda a sociedade galega, “que traballa unida para saír unida desta crise”, é o que levou a que no pasado ano 2014, 19.000 galegos saísen das listas do paro, sendo Galicia a terceira Autonomía que máis reduciu o paro que tiña cando empezou o ano.

Un acordo que nace dunha tripla conxunción
Despois de lembrar que xa no pasado mes de outubro, no Debate do Estado da Autonomía, anunciara a intención do Goberno de presentar novos programas de emprego que tivesen ás persoas novas e aos parados de longa duración entre as súas prioridades de acción, Feijóo subliñou que desde entón traballouse en colaboración cos axentes sociais para concretar estas medidas presentadas hoxe.

“Este acordo que hoxe asinamos nace, polo tanto, dunha tripla conxunción: da conxunción das políticas laborais da Unión Europea, do Goberno de España e da Comunidade; da vontade certa entre as organizacións sindicais e empresariais de Galicia e do compromiso dunha acción de Goberno que vai seguir durante toda a lexislatura”, dixo, ao que engadiu que estas iniciativas foron redactadas tendo en conta as recomendación dos representantes sindicais e empresariais.

“Creo que unidos é como mellor se pode seguir afrontando o reto da creación de emprego. Así foi no pasado recente, como o demostran os 29 acordos aprobados no marco do diálogo social na pasada lexislatura, e así o é hoxe coa sinatura deste acordo importante tamén no marco do diálogo social”, concluíu.